Sinopsis
Un día viron medrar unha herba moi verde ao outro lado do río. Pero para chegar a ela, había que cruzar unha ponte e, debaixo dela, vivía un terrible ogro que non deixaba pasar a ninguén. Entón, a cabra pequena, a cabra media e a cabra grande tiveron que atopar o xeito de burlar ao monstro. Unha historia que nos demostra que a intelixencia e o enxeño poden algo máis que a forza física.
Olalla González adaptou este popular conto de orixe europea para os primeiros lectores, cunha versión creada para ser contada. En «Chivos chivones» os máis pequenos atoparán un xogo de tamaños, números e sons que tamén se traduce nun xogo tipográfico a través das páxinas do libro. Federico Fernández, galardoado co I Premio Nacional de Ilustración no 2001, aporta grandes doses de humor á historia, creando personaxes con gran expresividade nos seus xestos e actitudes.
Hai outra versión deste álbum na colección Makakiños de KALANDRAKA, destinada a persoas con necesidades de apoio educativo, na que a historia foi adaptada ao sistema de pictogramas.